José Rodríguez Cruz

Centra os seus traballos de investigación etnográfica e histórica preferentemente en áreas do sureste da provincia de Ourense e a ambos lados da Raia galego-portuguesa. Da súa autoría son, entre outras, as publicacións Máscaras de Entroido no Surleste Ourensán (1998); Así falan na Gudiña (2000); Terra das Frieiras (2002), na compaña de Eligio Rivas Quintas; Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Galego-Portuguesa (2004), con António Lourenço Fontes; Trazos sobre a vestimenta tradicional no Surleste de Ourense (2004); Marín, terra e mar. Os mareantes e a Confraría de San Miguel (2005), con Eligio Rivas Quintas; Cultura e fala popular de San Ciprián de Hermisende, unha achega etnográfica e léxica para o estudo do idioma galego en áreas periféricas da nosa Comunidade (2007); A festa dos Maios en Marín (2014), xunto con Clodio González Pérez; Contos e lendas arraianos (2016); O Couto Mixto. Aspectos folclóricos (2018); A Cova do Tesouro e outros relatos (2017).
Ademais de participar noutras de carácter colectivo como Un futuro para a lingua (2002), Palabra por palabra, contos da Policía (2003), En galego con toda seguridade (2007), Limiaxinacións (2009), As Caras do Entroido Ourensán (2009), etc.
Tamén colabora con artigos en diversos xornais e revistas culturais.
O seu labor de investigación sobre a vestimenta tradicional galega ten sido recoñecida co 1º Premio Antonio Fraguas nos anos 1998, 2002, 2003, 2005, 2010 e 2014, e co 2º Premio de investigación Raigame da edición de 2007. No ano 2009 foi investido Xuíz Honorario do Couto Mixto e no ano 2011 foille concedido o Premio Lois Peña Novo.

Publicou connosco:

Outros idiomas: ES