Miguel Ángel Fernández

Despois de licenciarse en Ciencias Económicas e de facer un máster de xestión bancaria, Miguel Ángel Fernández Álvarez (Ourense, 1973) comeza a traballar nunha entidade bancaria. Pronto se decata que aquela vida non está feita para el e decide reinventarse. Consegue aprobar a oposición de bombeiro, traballo que realiza na actualidade no Concello de Santiago de Compostela.

Afeccionado á fotografía, cursa o Ciclo Superior de Fotografía Artística na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo. En 2018 fai a súa primeira exposición sobre a crise de refuxiados en Grecia e Serbia.

O seu interese polas viaxes vai moi ligado por un lado ao coñecemento de culturas diferentes á occidental e, por outro, ao contacto coa natureza e ás actividades de aventura. Espeleoloxía, barranquismo, buceo, sendeirismo e btt levárono moitas veces lonxe da casa. Nesta ocasión será o kaiak o que o leve a Groenlandia.

Nos últimos anos conxuga o seu traballo e afeccións co voluntariado con refuxiados en países como Grecia e Serbia. Destaca a súa estancia en 2016 no campamento de refuxiados de Idomeni en Grecia durante 40 días. No 2018 comezou a colaborar como voluntario no fermoso proxecto “Camiño á Vida” da ONG Tierra de Hombres.

Actualmente o seu interese está volcado tamén na meditación e no ioga tibetano.

Publicou connosco:

Outros idiomas: ES